payday loans
A loita por un transporte digno en a Estrada. Primeira vitoria PDF Imprimir E-mail
Escrito por El Militante   
Miércoles, 11 de Julio de 2007 15:25

Os estudantes de A Estrada veñen de obter unha histórica victoria. Despois de anos sufrindo un transporte escolar totalmente inaxeitado, a loita conxunta de pais e estudantes, organizada polo Sindicato de Estudantes, conseguiu un compromiso firme por escrito por parte da Xunta de resolver o problema.

 

Os estudantes de A Estrada veñen de obter unha histórica victoria. Despois de anos sufrindo un transporte escolar totalmente inaxeitado, a loita conxunta de pais e estudantes, organizada polo Sindicato de Estudantes, conseguiu un compromiso firme por escrito por parte da Xunta de resolver o problema.

Todo o mundo é consciente das carencias do ensino público, pero quizais a máis evidente sexa o problema do transporte escolar. En Galiza, este problema é, se cabe, máis grave, xa que a poboación está mais atomizada que no resto do estado e as vías de comunicación entre as aldeas son bastante pobres. O Concello da Estrada ten o maior numero de parroquias de todo o estado, co cal o problema se triplica.

Durante moitos anos, as AMPAs dos tres institutos do concello estaban practicamente paradas ou non existían (como pasaba no IES Manuel García Barros). O Sindicato de Estudantes levaba anos nos institutos lembrando a necesidade de formar AMPAs que organicen aos pais para loitar por unha escola pública de calidade.

Despois de insistir aos pais reiteradamente na necesidade disto, finalmente logrouse a formación dunha AMPA no IES. Isto supuxo un avance na unidade de pais e alumnos nesta loita. Ademais contribuíu a estender a loita convocando asembleas de pais onde tamén os estudantes puidemos explicar os problemas do transporte.

Os autobuses que transportan aos estudantes están sempre sobresaturados e incumpren a lexislación en materia de seguridade. Un exemplo claro era a falta dun par de asentos nun dos buses, que deixaba ó ar os ferros da estructura, o que en caso de freo ou colisión forte podería ferir gravemente a alguén.

 

Os tipos de contratación: Precariedade e beneficio empresarial e despreocupación da Xunta

O mais lamentable de todo é que os contratos que a Xunta asina cos transportistas resultan moitas veces ambiguos e serven para que os empresarios intente colar todo tipo de cousas que teñen como único obxectivo o intentar tirar o máximo beneficio, sen importar as consecuencias.

A grandes trazos, os contratos poden ser de dous tipos: A ou B. O tipo A é un transporte gratuíto que depende da Consellería de Educación e é exclusivo para estudantes da ESO; os autobuses non poden ter máis de 16 anos de antigüidade. O tipo B depende da Consellería de Transportes e son autobuses de liña regular nos que a Xunta contrata un numero de prazas para estudantes; estes autobuses ¡poden ter unha antigüidade de ata 50 anos!

Aínda que o tipo A parece máis seguro, non garante suficientemente a calidade do transporte. Como exemplo abonda citar que estes autobuses (polos cales as empresas cobran 6.000 € da Xunta) transportaban máis alumnos dos debidos, ós cales se lles cobraban bonos mensuais de ¡30 €! para moitas veces ir de pé.

Estes bonos expedíanse fundamentalmente aos estudantes de bacharelato, que non teñen transporte gratuíto A lei recolle que se nun autobús de tipo A sobran prazas, estas poden ser cubertas gratuitamente por estudantes de bacharelato, pero neste caso a política era a do dobre caixón: por unha banda, percibir cartos da Xunta e, por outra, levar a máis estudantes da conta e cobrarlles, aforrando así en gasolina e man de obra e cobrando por algo que en realidade non se ofertaba. Non é difícil imaxinar os perigos que supón un autobús no que dez persoas teñen que ir de pé e os problemas de concentración na conducción que pode ocasionar.

O tipo B é aínda peor. Ao ser buses de liña, os estudantes do IES Nº 1 (procedentes todos eles do rural) comparten transporte con persoas alleas á comunidade educativa. Ademais, os conductores están mais preocupados de facer a propia liña, co que ás veces se dan casos de autobuses que "esquecen" recoller os estudantes, ou haxa alteracións nos horarios, que teñen como resultado que os compañeiros dese centro teñan só quince minutos para xantar os días que teñen clase polas tardes ou que cheguen cunha hora de antelación.

Ante todos estes problemas, o Sindicato de Estudantes solicitou ao consello escolar apoio para rematar con esta lacra, explicando que a única forma de remediala era coa mobilización de pais, estudantes e profesores. Pero, a diferenza do traballo en defensa dun transporte digno que facía o consello escolar do IES Nº 1, a dirección do centro negouse a intervir no conflicto, asegurando que as medidas que tiña que tomar tiñan que vir só dos pais e estudantes, e non dos profesores, e propoñendo medidas como as de chamar á Garda Civil de Trafico, etc. Como o mesmo director dixo unha vez, xa se levaban interpostas moitas denuncias. Como non había resposta, esta opción para nós quedaba absolutamente descartada.

Grazas a algúns profesores presentamos unha resolución que foi aprobada por tódalas clases. Conseguimos mais de 150 sinaturas de estudantes. A continuación fomos ao IES Nº1 a repartir a resolución, estendendo a loita.

As resolucións explicaban a realidade: durante 8 anos en todo o Estado e 16 na Xunta, os estudantes galegos sufrimos a un goberno do PP que desviou cada vez mais cartos da escola publica en beneficio da privada, pero lamentablemente os novos gobernos de esquerda non están solucionando os problemas do ensino público, entre os que destacaba o transporte.

As enquisas vaticinaban a caída do PP na Estrada despois de 16 anos de políticas reaccionarias. Un novo goberno da esquerda debía mudar as condicións do transporte, aplicando unha política que acabe coa corrupción das concesións e garantindo un transporte público gratuíto e de calidade a tódolos estudantes.

Eses días enviamos un correo á Delegación do Goberno solicitando unha reunión co delegado de educación. O único que recibimos foi unha chamada dos responsables de transportes da delegación de educación dicindo que lle concedésemos un prazo para solucionar os problemas

 

A patronal presiona e a Xunta tenta gañar tempo

Ese mesmo día apareceu o dono da empresa tentando desprestixiar a membros do Sindicato de Estudantes ("Este lo único que sabe es hablar de política"). Despois de falar con nós e intentarnos facer crer que el saía perdendo cartos co transporte e que nos facía un favor deixando entrar xente de máis nos buses [aos que lles cobraba un bono ilegal que inventara el], foise prometendo solucionar o problema poñendo outro autobús. Mentres, as medidas da Xunta foron tan inmediatas como inútiles. Ao día seguinte apareceron membros de inspección da Consellería de Transportes para inspeccionar os autobuses.

A estampa que observamos o conxunto dos estudantes ese mesmo día fixo crer aos máis inxenuos que entre La Estradense e a Xunta había algo máis que relacións contratador-contratados. ¡¡Os inspectores levaban un peto fosforescente con letras en grande que rezaban INSPECCIÓN!! Así, os autobuses que aínda non chegaran descargaron os estudantes na metade do camiño, ante a indignación dos mesmos.

Loxicamente e como supuñamos, os autobuses seguían incumprindo a lexislación aos poucos días. Reunímonos coa ANPA do Manuel García Barros e enviámoslle á Xunta un correo onde explicabamos que ou mudaban as condicións do transporte ou en marzo convocaríamos unha folga. A resposta foi inmediata, seguramente influída porque se achegaban as eleccións municipais. Accederon a reunirse. Nesa reunión estiveron presentes representantes de pais e alumnos dos IES Nº 1 e Manuel García Barros, e o Sindicato de Estudantes. O director do García Barros presentouse tamén, sen estar convidado, aínda que non tardaría en marchar porque o papel que xogou foi tan pésimo que ata quedou mal ante os representantes da Xunta.

O subdelegado de educación debía ter moito traballo, xa que non se dignou a vir. Despois de horas de discusión, nas que puxemos en evidencia a La Estradense amosando os bonos ilegais que cobraban e probas audiovisuais das condicións de transporte, a Xunta ofreceu un cambio de transporte dos tipo B ao tipo A no IES Nº 1. Pero isto non era algo gratuíto, era producto da presión da situación, e a Xunta presentouno como unha espada de Damocles, xa que se se cambiaban a tipo A, os estudantes de bacharelato non terían praza asegurada. O que se pretendía era dividir aos pais dos estudantes porque non se garantía un transporte para o futuro.

Despois disto convocamos unha reunión cos pais para explicar o que conseguíramos e os pasos a seguir. O Sindicato de Estudantes propuxo que o seguinte fose convocar aos candidatos a alcalde e pedirlles o compromiso de que, se chegaban a gobernar, o farían garantindo que o transporte ía chegar a tódolos estudantes, do rural e do urbano, da ESO e do Bacharelato. Esta reunión tiña como fin un compromiso firme do PSOE e BNG de que se gañaban as eleccións garantirían o transporte escolar para todo o mundo e, a poder ser, gratuíto.

Á reunión asistiron tódolos candidatos (BNG, PSOE e os tres de dereitas: PP, Partido Galeguista e Cidadáns de Galicia) e algún elemento que probablemente estaba enviado pola empresa, xa que a defendeu cando nin os dirixentes da dereita a defendían. Así puidemos explicar todos os problemas dos institutos e denunciar que a dereita, nas súas tres versións, non ten autoridade para falar en defensa da educación publica, despois dos ataques que leva a cabo no Estado, nas autonomías e no concello, onde os seus representantes nos consellos escolares nunca se presentaron nas reunións. O BNG comprometeuse a implicar ao concello no transporte escolar e atopar unha solución, e o PSOE a falar coa conselleira de Educación; ademais recolle no programa o transporte gratuíto para todo o rural.

O compromiso da Xunta co Sindicato de Estudantes e as AMPAS tivo un fortísimo impacto mediático, confirmando o efecto causado pola nosa loita, baseada nos métodos e tradicións da clase obreira, que seguen mais vixentes ca nunca

 

A esquerda ten que cumprir

Tras 16 anos, a esquerda obtivo unha victoria histórica na Estrada: 9 concelleiros para o PSOE, 3 para o BNG e 7 para o PP (que baixa 4) e dous para Cidega (escisión do PP).

O PSOE recolle no seu programa a subvención do transporte escolar a tódolos alumnos da vila. O novo concello ten que saber que os programas electorais están para cumprilos e favorecer á súa base social. O BNG ten que lembrarlle ó PSOE o que prometeu e presionar para que o cumpra. A esquerda debe cumprir na Estrada co seu programa e garantir a gratuidade do transporte.

A primeira victoria foi conseguir o cambio do tipo B ao tipo A de contratación. Agora o seguinte paso, ao que se comprometeron PSOE e BNG, é garantir o transporte aos rapaces de bacharelato. Está na súa man. Pola nosa banda, mantemos as espadas en alto. Se este problema non está resolto en setembro, retomaremos as mobilizacións.

 

Transporte gratuíto e de calidade para a escola pública!

Cumprimento das condicións de seguridade por parte da empresa concesionaria

Expropiación e municipalización baixo control obreiro en caso de non cumprilas!

Cumprimento do programa electoral da esquerda en materia de educación na Estrada!

Bookmark and Share