payday loans
Os marxistas de El Militante, no 25 de Xullo PDF Imprimir E-mail
Escrito por El Militante   
Lunes, 01 de Agosto de 2011 07:06

Un ano máis, os marxistas estivemos presentes nas celebracións do 25 de Xullo. Compañeiros de varias localidades galegas fixemos un importante despregamento en Compostela, ofrecendo o noso xornal nas manifestacións e repartindo dúas mil follas.  Ademais, como xa é habitual, colocamos unha impoñente mesa de literatura marxista,de catro corpos, tanto pola mañá como pola tarde.

O 25 de Xullo celébrase nun momento clave para o futuro da clase traballadora. De seguido reproducimos o editorial do Extra de "O Militante" distribuído no día da patria.

Descarga en PDF O Militante   Descarga en PDF el panfleto

Galiza: Preparar xa a resposta ós ataques da burguesía

Os dirixentes sindicais deben convocar unha folga xeral en outono

Hai tan só un ano, no día da Patria de 2010, milleiros de galegos nos manifestabamos en Compostela con dúas motivacións: a loita contra o decretazo antigalego da Xunta do PP (tras mobilizacións masivas e unha folga no ensino), e a preparación da Folga xeral estatal do 29 de Setembro.

En maio dese ano o Goberno central decidiu dar por finalizado o seu discurso sobre “non facer pagar a crise ós febles” e lanzouse a cumprir obedientemente os ditado da burguesía. A súa ofensiva antiobreira (primeiro o recorte salarial ós empregados públicos, despois a contrarreforma laboral para abaratar e facilitar o despedimento) obrigou ós dirixentes de CC.OO e UGT a convocar a folga xeral do 29 de Setembro.

Isto acontecía hai un ano. Dende entón, moitas cousas pasaron, incluíndo dúas folgas xerais (29-S e 27-X), o pacto de pensións, o estoupido social do 15-M e unhas eleccións municipais no país. Todo isto dentro do marco da maior recesión económica dende os anos 30 do século pasado, co seu regueiro dun carto de millón de desempregados en Galiza, embargos, reducións do gasto e retrocesos sociais históricos en pensións, idade de xubilación e convenios colectivos.

Dúas folgas xerais en Galiza

A folga xeral estatal do 29 de Setembro tivo un seguimento masivo en Galiza, sendo unha das zonas do Estado onde acadou un maior éxito.

O Goberno non recuou e mantivo a contrarreforma laboral. O 29-S podía ser o inicio dunha rebelión social que frease os ataques da burguesía se os dirixentes sindicais lle tiveran dado continuidade. A posibilidade de ter provocado ese estoupido non é teórica; confirmouse este 15 de maio. E precisamente foi o medo a desencadear un movemento masivo por abaixo, no que participaran de xeito consciente milleiros de traballadores desbordando á dirección sindical, o que asustou ós dirixentes de CCOO e UGT, quen pouco despois facían todo o posible por arrefriar o ambiente e retomar os pactos e consensos co Goberno e a patronal, política que levounos a avalar un ataque salvaxe como a reforma das pensións.

No caso de Galiza, un dos feitos máis salientables do último ano foi, sen dúbida, a convocatoria da folga xeral do 27 de xaneiro para lle facer fronte a este novo ataque.

Por primeira vez a folga foi convocada en solitario pola CIG. As direccións de CC.OO e UGT negábanse a facer fronte ás medidas  antiobreiras do Goberno e a patronal. En contraste con isto, o 27-X era un referente de loita, unha apelación á mobilización. Era una acción na dirección correcta para defender os intereses dos traballadores e, polo tanto, os marxistas apoiámola totalmente. A convocatoria enfrontouse a varias dificultades, empezando pola actitude desmobilizadora das direccións de CCOO e UGT (que en Navantia-Ferrol incluso levou á formación dun contrapiquete o día 27). Outros aspectos tamén supuñan unha dificultade, como o feito de tratarse dunha folga autonómica para facer fronte a un ataque estatal, o feito de estar convocada por só un dos tres sindicatos maioritarios existentes no país, o medo ó despedimento nun contexto de paro masivo, e tamén certo retraso, dúbidas e titubeos da propia dirección da CIG no proceso da convocatoria.

Eses son os aspectos que hai que ter en conta e que salientan que, pese a todo, sectores clave da economía galega, fundamentalmente o sector naval vigués, pararan a súa actividade o 27-X.

Os milleiros de persoas que acudimos ás manifestacións do 27 pola mañá (en horario laboral) evidencian que, pese a que moitas empresas permaneceron abertas, houbo un número significativo de traballadores en todas elas que secundaron a folga.

15-M: o estoupido de indignación social

Con todo, os ataques á clase traballadora sucedíanse. Os dirixentes de CCOO e UGT non só non daban unha resposta, se non que avalaban os ataques. Pola súa banda, a dirección da CIG, trala convocatoria da folga de xaneiro, tampouco foi quen de canalizar o xigantesco descontento acumulado.

E se a mocidade e a clase traballadora tiñan o camiño da loita sindical bloqueado, no terreo electoral tampouco había nada atractivo. Este bloqueo, tanto no terreo sindical como electoral, provocou que, dun xeito accidental, o enorme malestar social atopase unha vía de expresión a través da mobilización directa na rúa, no movemento 15-M. Este movemento reflicte a enorme disposición das masas á loita e un crecente cuestionamento do sistema capitalista. A pesar das mensaxes confusas dalgúns dos seus promotores, que fan bandeira do apoliticismo, o certo é que este movemento reflicte as condicións extraordinariamente maduras para que un programa xenuinamente socialista teña hoxe unha audiencia de masas.

Nese contexto tería sido enormemente positivo que os sindicalistas combativos de CIG, CC.OO e UGT, tiveran participado activamente deste movemento, coas súas siglas e bandeiras, propoñendo a convocatoria dunha folga xeral para lle facer fronte ós ataques, explicando a necesidade de vincularse ó movemento obreiro, de ir ás empresas, e de esixir ós dirixentes dos sindicatos maioritarios a ruptura da súa política pactista.

Tras as masivas manifestacións do pasado 19 de Xuño, nas que participaron cerca dun millón de persoas en todo o estado, a idea da folga xeral converteuse nun eixo central do movemento 15-M. A dirección da CIG debe aproveitar esta situación e participar activamente aí.

Unha folga xeral, convocada co impulso do movemento 15-M e as manifestacións do 19-X, sería unha folga moi distinta. A posibilidade de utilizar as asembleas de barrio como comités de acción para estender a loita a cada recuncho de cada cidade, en coordinación cos comités de empresa e delegados sindicais, faría que esta folga xeral tivese un seguimento histórico.

Xiro á dereita nas eleccións municipais?

E en medio deste estoupido, celebráronse as eleccións municipais do 22 de maio.

O Partido Popular foi o partido máis votado, ó obter 710.000 votos, 54.000 máis ca en 2007. Máis significativo aínda é o importante retroceso do PSdeG-PSOE e a aínda máis profunda (porcentualmente) caída do BNG. Esquerda Unida, pola súa banda, incrementou o seu apoio en cerca de 8.000 votos.

Total Galiza

Votos 2011

Votos 2007

Variación absoluta

Variación relativa

PARTIDO POPULAR

709.816

655.640

54.176

8,26%

PSdeG

411.458

478.024

-66.566

-13,93%

BNG

261.513

315.279

-53.766

-17,05%

ESQUERDA UNIDA

30.188

22.587

7.601

33,65%

O recorrente mantra sobre un suposto xiro á dereita da sociedade, que temos que soportar cada vez que o PP gaña unas eleccións, é falso.

O PP gañou nestas eleccións 54.000 votos. Sen dúbida, un certo sector traballadores  que votaban á esquerda, votoulles nesta ocasión. Pero no caso de Galiza, a diferencia de outras zonas do estado, amplos sectores das capas medias votaban nos últimos anos (máis concretamente dende a catástrofe do Prestige) á esquerda. Como xa se evidenciou nas autonómicas, a crise e os seus efectos empurraron a esta capa cara á dereita.

Esta idea queda ben reflectida co seguinte exemplo: A provincia onde o PP tivo un maior incremento de votos foi, con gran diferencia, A Coruña, onde gañou 40.000 dos 54.000 votos que medrou en todo o país. E foi na capital da provincia onde obtivo o seu incremento máis salientable (máis de 14.000 votos). Nesta cidade asistimos hai non moito tempo a unha manifestación masiva de pequenos propietarios, semiarruinados pola construción de megacentros comerciais na cidade (incluíndo un dos máis grandes de Europa). Non é difícil concluír que o groso do incremento do apoio ó PP veu esta vez do transvase de voto da pequena burguesía urbana, e dun xeito máis minoritario, de sectores atrasados da clase obreira.

Os resultados confirman esta análise: Si, o PP gañou 54.000 votos, pero o PSdeG e o BNG perderon máis de 120.000! ¿Onde van o resto dos votos?

Esquerda Unida gaña case 8.000 votos, a abstención medrou en 50.000 persoas  e os voto nulos e brancos aumentaron en máis de 24.000 votos (chegando ós 65.000 sufraxios).

No caso das cidades, que reflicten sempre un voto máis ideolóxico que os pobos e aldeas, os resultados reforzan esta idea.

Para empezar, alí a suma dos votos da esquerda supera á dereita.

O PP incrementa os seus votos en cerca de 15.000, pero este aumento está moi baseado na cidade de A Coruña, mentres  en Pontevedra, Vigo e Ourense perdeu votos. Pero o PsdeG-PSOE e o BNG perden 42.000, algo que só pódese explicar polo transvase cara EU, a abstención ou o voto nulo e branco.

Voto nas 7 cidades

2011

2007

Variación absoluta

Var. relativa

BNG

67.753

95.617

-27.864

-29,14%

PSOE

151.006

165.410

-14.404

-8,71%

PP

210.291

195.685

14.606

7,46%

IU

22.171

14.499

7.672

52,91%

Votantes

-7.730

suma incremento brancos e nulos

10.927

O incremento da abstención produciuse en medio de manifestacións masivas no “día de reflexión”. Desta vez é claro que milleiros de abstencionistas non o eran por apoliticismo, se non como mostra de rexeitamento á política oficial burguesa. O mesmo rexeitamento amosan as numerosas papeletas nulas, moitas de elas con referencias ó 15-M.

E a estes datos, habería que engadirlle outro: a abstención, xa histórica en grandes núcleos obreiros como Ferrol, onde roza o 50%, reflicte o distanciamento entre a política oficial e as inquietudes de amplas capas da clase traballadora que dende hai xa tempo dan as costas ós procesos electorais.

As eleccións municipais expresaron unha moi fonda polarización social. Pero esta polarización, que divide a sociedade entre dereita e esquerda, só ten expresión electoral pola dereita, a través do PP. Unha parte do enorme  malestar pola esquerda coa política antiobreira da socialdemocracia non ten un canle de expresión electoral e, coa excepción do modesto voto a EU, canalizouse no voto branco, nulo ou na abstención. O BNG, que no pasado foi o destino dese voto, hoxe non aparece como alternativa.

A situación do BNG

Hoxe o BNG perdeu boa parte do seu atractivo ante milleiros de mozos e traballadores combativos de Galiza. Cada vez máis é percibido como “máis do mesmo”, como parte da política oficial burguesa.

Feitos como a recente incorporación á empresa privada do que fora até hai ben pouco máximo dirixente do BNG, Anxo Quintana, non poden se non reforzar esta percepción. E precisamente cando un programa de profunda transformación social, nitidamente anticapitalista, conectaría coas ilusións de centos de milleiros, a dirección do Bloque está completamente empantanada nunha política que pouco a diferencia do PSOE. Os seus malos resultados electorais son consecuencia deste xiro cara a dereita.

O BNG perde nestas eleccións 54.000 votos, o 17% do seu electorado. E o que é máis grave, retrocede dun xeito moi severo nas zonas máis proletarias de Galiza, alí onde logrou enraizar con forza a mediados dos anos 90.

Nas sete cidades, a caída do BNG case duplica a caída no país, malia avanzar en Pontevedra. Pero é nas dúas cidades galegas nas que se concentra o groso da clase obreira industrial, Vigo e Ferrol, onde o seu retroceso é máis abraiante: en Vigo o BNG perdeu desta volta o 41% dos votos; entre as eleccións de 2003 e as actuais, perdeu case o 60% dos seus sufraxios.

No caso de Ferrol, a caída este ano foi máis moderada (10%), pero se se compara cos resultados que obtiña hai non moitos anos nas eleccións municipais (máis de 11.000 votos no ano 99, fronte os menos de 3.000 da actualidade) se evidencia que dende aquela o BNG perdeu nada menos que o 73% do seu electorado.

O feito de que o Bloque gobernara en ámbalas dúas cidades no pasado recente contribuíu a deixar en evidencia que a súa política non supuxo unha onda transformación social, nin moito menos. Outros dous núcleos obreiros importantes, onde o BNG gobernou tradicionalmente e perdeu a alcaldía (xa no 2007) son As Pontes e Fene. No primeiro perdeu case o 60% dos seus votos entre 2003 e 2011 e no segundo o 40% nese mesmo período.

O xiro á dereita por parte da dirección do BNG exprésase tamén, e isto é algo que ten absoluta vinculación cos resultados electorais, nun retroceso na súa presenza nas rúas e nos conflitos laborais e sociais. Até hai non moitos anos, de ter estoupado un movemento como o do 15-M, o BNG estaría, sen dúbida, á súa cabeza.

Esta situación ten aberto no BNG unha profunda división interna, que reflicte as diferentes presións de clase no seu seno. Por unha banda, o sector máis vencellado ó movemento sindical rebélase contra o xiro e pula pola volta do Bloque a unha política máis combativa. E pola outra, o sector máis vencellado á pequena burguesía, hoxe encabezado por Aymerich, pretende levar até as súas derradeiras consecuencias o xiro emprendido e converter ó BNG nun partido nacionalista burgués.

Esta corrente de pensamento exprésase con claridade, por exemplo, na entrevista a Fernando Súarez, alcalde de Ribadeo polo BNG, que ten como significativo título “O BNG non pode ir dez pasos por diante da sociedade”. Nela, Súarez afirma que “Galiza ten moita xente que traballa pero non só obreiros, mariñeiros e labregos; tamén empresarios e emprendedores que puxan pola economía galega” (A Nosa Terra dixital, 30/5/2011).

Este sector considera que a forma de medrar no terreo electoral é, contra todas as evidencias, que o BNG abandone definitivamente calquera perfil de esquerdas e se abra de par en par á burguesía galega.

Sen dúbida, de seguir profundando nesa liña, máis tarde ou máis cedo un choque violento entre o BNG e a CIG será inevitable, cos efectos internos dentro do Bloque que isto conlevaría, exacerbando ás tensións de clase que hoxe existen e levándoas cara un punto de ruptura, como xa aconteceu na organización estudantil do Bloque.

Perspectivas

A irrupción do movemento 15-M cambiou a situación política e social en todo o Estado español. Fixo consciente á xente da súa forza e rompeu definitivamente coa idea de que non é posible loitar contra os ataques laborais e os recortes sociais. Aspectos como á perda de medo ante a represión (como en Plaça Catalunya), o desafío a legalidade burguesa (incumprimento dos ditames da Xunta Electoral Central), ou a masividade da manifestación do 19 de xuño, dan mostra da profundidade deste movemento. Un movemento que volveu poñer enriba da mesa a posibilidade da convocatoria dunha folga xeral e contribuíu tamén a dificultar enormemente o mantemento da actual política de paz social por parte de CC.OO e UGT.

Esta semana, Toxo, secretario xeral de CC.OO escribiu isto na Gaceta Sindical: [é posible que] “en ocasións e por parte de certos colectivos, se nos vira excesivamente próximos ó poder e por tanto recelaran de nós”.

E tamén recoñecía como un erro “a dinámica interna na que nos estamos instalado, con moita presenza nas sedes sindicais e menos nos centros de traballo”.

É difícil non ver nisto a tremenda presión da crítica ós dirixentes sindicais expresada no 15-M.

Tamén o estoupido social presionou á dirección da CIG. Tralos meses de escasa actividade que seguiron á folga xeral de xaneiro, a CIG convocou manifestacións en protesta pola dramática situación que atravesa o sector naval e en contra da reforma da negociación colectiva asinada polo Goberno, así como unha marcha de desempregados a Compostela. Nesa marcha, Suso Seixo anunciou á convocatoria de manifestacións en Outubro para preparar unha nova folga xeral que incluso podería ser de ámbito estatal. Ese é o camiño. Os marxistas de “El Militante” apoiamos sen reservas esta proposta da CIG. Hai forza e condicións para facerlle fronte ós ataques. Sería un gran paso adiante que a CIG convocase esta folga en coordinación co movemento 15-M tal e como plantexamos máis arriba e que pulase enerxicamente por estender á folga ó resto do Estado facendo un chamamento compañeiro ós traballadores e traballadoras de CC.OO e UGT a loitar xuntos.

Entrando nas perspectivas, no ámbito autonómico o PP xa empezou a demostrar a súa verdadeira faciana: lei contra o galego, recortes no ensino público, privatización da sanidade, eliminación de porcentaxes mínimos para a vivenda protexida nos concellos…E é evidente que isto é só o principio.

No ámbito estatal, gañe quen gañe as próximas eleccións xerais, a perspectiva é a dun axuste económico salvaxe. Grecia está a piques de entrar en suspensión de pagos. A prima de risco de Italia e o Estado español está en máximos históricos. As axencias de calificación de débeda veñen de rebaixar a débeda portuguesa ó nivel de bono basura e a banca española está absolutamente exposta á débeda lusa. A suspensión de pagos por parte de Portugal fundiría aínda máis a economía española.

Baixo o capitalismo non hai saída. Ou rompemos co sistema ou teremos lustros de desemprego masivo, desmantelamento do estado do benestar e empobrecemento drástico das masas. Esa é a única receita que teñen tanto a dereita como a socialdemocracia para saír da crise, dentro de moitos anos, en calquera caso.

E fronte a isto, temos a enorme disposición á loita para frear os ataques por parte da clase obreira e a mocidade e un fondísimo cuestionamento do capitalismo por parte de millóns… As masas árabes levantáronse contra a ditadura e a explotación. Os traballadores franceses protagonizaron no outono pasado un movemento folguístico que durou meses e onde estiveron presentes a ocupación das refinerías, as folgas indefinidas en multitude de fábricas, etc. En Grecia, trala folga xeral de 48 horas, existe nestes momentos unha auténtica situación de rebelión social, que abre ás portas á unha situación revolucionaria… Estamos entrando nun dos períodos máis convulsos da historia. A loita nos vindeiros anos será decisiva, e será internacional. Para ese escenario debemos prepararnos.

A tarefa central é achegar ás masas as ideas do auténtico socialismo, as ideas do marxismo revolucionario, que plantexan a expropiación dos medios de produción e a súa posta en funcionamento baixo o control dos traballadores, para resolver as necesidades da inmensa maioría da sociedade. Só este programa pode garantirnos unha vida digna de ser vivida. Únete á corrente marxista El Militante para loitar con nós por estas ideas.

 

Bookmark and Share